Concentración no CHUAC-alerta da deficiencia de persoal tanto nas plantas de hospitalización como no servizo de urxencias

Concentración no CHUAC 3.jpeg

Nota de prensa da comisión de centro do Hospital de A Coruña

POLA DIGNIDADE NA ASISTENCIA SANITARIA

A Comisión de Centro do CHUAC convoca unha concentración o mércores 23 de xaneiro, ás 11:30 horas na rotonda do HUAC, baixo o lema Pola dignidade na asistencia sanitaria.

Pola dignidade na asistencia sanitaria que reciben os pacientes que merecen a mellor atención sanitaria posible e en condicións que preserven a súa saúde, seguridade e intimidade.

Pola dignidade da asistencia sanitaria que prestamos os profesionais, que necesitamos tempo para atender aos pacientes, que non podemos seguir traballando a un ritmo frenético, contrareloxo, sometidos a un intenso estrés, a sobresforzos físicos continuados..

A mellor asistencia sanitaria só é posible si os profesionais son os suficientes para atender e coidar aos pacientes. E no CHUAC non o son.

As unidades de hospitalización soportan falta de persoal todo o ano, algunhas porque arrastran déficis estruturais e outras porque se lles incrementa substancialmente o número de doentes ao sobreocuparse as habitacións ingresando a 3 pacientes en habitacións dobres e a 2 en habitacións de uso individual.

Como as unidades de hospitalización e o servizo de urxencias están xa todo o ano ao límite da súa capacidade, o único resultado posible do incremento na afluencia e na demanda de camas é que os doentes estean amoreados nos corredores, as unidades ao máximo de sobreocupación, o persoal totalmente sobrecargado…

Aténtase gravemente contra a seguridade, contra o dereito a confidencialidade
e contra o dereito á protección da intimidade cando os doentes permanecen en padiolas ao longo dos corredores do servizo de urxencias e tamén cando a redución de espazo nas habitacións impide que se manteñan as distancias mínimas de seguridade entre camas, cando se fan os transvases dos enfermos á cama nos corredores porque as padiolas non entran nas habitacións……

A Comisión de Centro do CHUAC esixe que se dote a todas as unidades deficitarias co persoal suficiente para que os pacientes reciban a atención e os coidados que merecen e chama á participación na concentración na rotonda do HUAC o próximo mércores 23 de xaneiro, pola dignidade da sanidade pública. Non máis recortes e máis persoal.

Nota de prensa de SOS Sanidade Pública A Coruña

SOS Sanidade Pública de A Coruña apoia a concentración convocada para mañá mércores 23 ás 11:30 horas pola comisión de centro do CHUAC na rotonda diante do hospital así como os paros de cinco minutos que se van realizar en diferentes centros de atención primaria ás 12 horas.

A comisión de centro usará como lema da concentración Pola dignidade na asistencia sanitaria. Desde SOS Sanidade Pública, como plataforma cidadá, queremos engadir e pola seguridade de todos.

Os recortes aos que o PP somete á sanidade pública son moi preocupantes. A información da morte dun paciente na sala de espera do PAC de A Estrada un día que o sergas deixou o dispositivo cun médico menos do habitual, a denuncia á fiscalía da morte dunha persoa no servizo de urxencias no Hospital de Santiago, a denuncia á fiscalía persentada no 2014 pola Xunta de Persoal en relación co servizo de urxencias e que foi desestimada por non haber naquel momento relacións de causa-efecto con vítimas pero na que o fiscal si advertía da necesidade de corrixir deficiencias estruturais do mesmo.

A denuncia da Xunta de Persoal no 2014 dicía o seguinte: “Os traballadores deste servizo (de urxencias) e os órganos de representación sindical manifestaron por distintas vías e dende o momento inicial : “a inadecuación da estrutura -de urxencias- e da organización funcional para realizar a asistencia sanitaria con seguridade para os pacientes”.

Esta situación que se prolonga ano a ano e da que parece que sempre dicimos o mesmo non pode ocultar a realidade da sobrecarga laboral que supón ter os servizos cunha carga superior á prevista e para a que non hai persoal suficiente.

Mentres o sergas aplica as tesoiras no presuposto de persoal non ten problema en dispoñer de 97,5 millóns de euros nun contrato de catro anos cos hospitais privados da nosa cidade.

No lugar de reforzar a sanidade pública parece que a dirección non ten problema en financiar a sanidade privada.

A realidade é que as plantas de hospitalización e o servizo de urxencias do hospital están saturados estruturalmente con sobreocupación de camas e invasión de pasillos con camillas, e a atención primaria está farta da sobrecarga crónica e está iniciando mobilizacións.

As listas de espera en atención primaria na nosa área de saúde provocan sobrecarga nas urxencias tanto nos Puntos de Atención Continuada como nas urxencias hospitalarias. A gripe é a gota que rebasa. Pero o problema da falta de recursos é estrutural.

Esiximos a Feijoo e ao Partido Popular que prioricen o investimento nos recursos propios da sanidade pública, non para derivar aos centros privados senón para poder recibir un servizo sanitario coa garantía de seguridade suficiente, a que debemos ter como cidadás.

Asina: Ramón Veras Castro, en representación de SOS Sanidade Pública A Coruña (696394788)

logo sos sanidade pública a coruña

Deixar un comentario