Discurso de Víctor Pedreira na recollida do premio cidade de Pontevedra 2017

                     Foto: La Voz de Galicia                        Foto: Faro de Vigo

DISCURSO

Víctor Pedreira Crespo

Ilustrísimo Sr. alcalde, señoras concelleiras, señores concelleiros, veciños e veciñas da Boa Vila de Pontevedra, amigas e amigos:

Quen me coñece, sabe ben que no meu cativo catálogo de habilidades persoais non está, desgraciadamente, a de falar, cun mínimo de fluidez, outra língua que aquela na que fun criado e educado: o castelán. Pero nesta ocasión, polo respeto debido á institución que outorga este premio, vou tentar facelo en galego, inda que esto supoña ter que ler o contido do meu pequeno discurso.

Quero comezar amosando a miña gratitude, en primeiro lugar, á Asociación Alba de familiares e amigos das persoas con enfermidade mental, por presentar a miña candidatura a este premio; por ter a ousadía de pensar, inda que fose só fugazmente, que eu podía ser merecente de semellante distinción. En segundo lugar, o meu agradecemento a todas as entidades, organismos e asociacións que a apoiaron: ó Colexio de Médicos de Pontevedra, ó Colexio de Psicoloxía de Galicia, á Asociación Psicoanalítica “Gradiva”, á Asociación “Batas Blancas”, ó Ateneo de Pontevedra, á Fundación Tilve, á Fundación Érguete Integración, á Asociación de Axuda ó Toxicómano “Érguete”, á Asociación “Boa Vida” e a Asociación “Juan XXIII”. E por último, o meu agradecemento ós membros do xurado que me outorgou o premio na sua modalidade de persoa física.

Nacín na cidade de A Coruña, hai xustamente hoxe -día de San Sebastián-, 68 anos. Vin traballar a Pontevedra, case por azar, hai xa 38 anos, e hai 13 que decidín vir vivir -e quizais tamén morrer- aquí, á ribeira do Lérez. Cando alguén me pregunta polos motivos da miña decisión sempre me veñen á mente aqueles versos do poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado frente ao mar”, cando explicaba por qué tiña decidido falar en galego: “…porque sí, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña”. Pois así de sinxelo: porque me gusta esta cidade á que lle debo boa parte do que son e do que aprecio: o meu traballo, os meus amigos, o sosego da miña plácida xubilación, o tempo de lecer do que disfruto agora.

Os premios adoitan chegar nos tramos finais do camino. E neste momento crepuscular é preciso facer balance. Sinto ledicia de ter podido adicar a miña vida a facer aquilo que máis satisfacción persoal me xerou sempre: loitar contra da enfermidade, procurar o alivio do sufrimento dos pacientes e as súas familias, dar a batalla contra do estigma que sofren as persoas con enfermidade mental, tentar millorar a súa calidade de vida e, finalmente, procurar a súa integración social.

Pronto souben, sen embargo, que para levar adiante semellante tarefa con certa eficacia, era preciso contar cun contexto que o favorecese. E ese contexto, ese marco necesario, é o sistema sanitario público, universal e gratuito. O noso sistema sanitario actual, que temos que defender e, se é posible, mellorar. Defendelo e valoralo porque, a pesar de todo, é un dos mellores sistemas do mundo. Melloralo porque ten deficiencias que non é o momento de enumerar, e precisa adaptarse ós cambios sociais e demográficos e ás novas oportunidades de tratamento. E defendelo das ameazas que para o seu desenvolvemento supoñen os recortes presupostarios e as tendencias privatizadoras.

E esa non é tarefa para levar adiante en solitario. Porque, como escribira José Agustín Goytisolo nas súas fermosas “Palabras para Julia”:

“Un hombre sólo, una mujer

Así tomados de uno en uno

Son como polvo, no son nada,

No son nada”

Por eso decidín unir a miña loita á de tantos homes e mulleres que, de xeito persoal ou formando parte de distintas organizacións sociais, adican unha boa parte do seu tempo, dos seus esforzos e dos seus desvelos, a mellorar e defender o noso valioso sistema sanitario. E así é como naceu SOS Sanidade Pública, plataforma á que pertenzo dende a súa constitución e dende a que fago un chamamento a cidadanía para que participe activamente. Nos vai a vida neso.

E xa no tramo final da miña intervención, quero expresar a miña satisfacción por compartir o premio coa Escola de Xadrez Pontevedra, polo importante traballo educativo que levan a cabo, polos efectos positivos que esta actividade ten no desenvolvemento neurobiolóxico dos nenos e na prevención do deterioro cognitivo asociado á idade e a certas enfermidades, e pola interesantísima labor solidaria que dende esta escola levan a cabo nos campos de refuxiados de Oriente Próximo. E encantaríame que este acto servise para establecer algún xeito de colaboración coa Asociación Alba, que tivese una incidencia favorable no proceso de rehabilitación psiquiátrica que ésta leva a cabo. Como no mítico final de “Casablanca”, eu tamén “presinto que este pode ser o comenzó dunha fermosa amizade”.

E para rematar só me queda adicar este premio, este fermoso agasallo de aniversario, ós meus pacientes, porque no seu síntoma está todo o saber e no seu sufrimento a razón do noso quefacer profesional. E tamén ás súas familias, representadas pola Asociación Alba, que estará sempre no meu corazón. Vai por vostedes.

Moitas grazas a todos pola súa atención.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s