CONCERTO- DEFENSA CENTRO DE SAÚDE DE SEIXO

16 XUÑO 2022

about:blank

O Cine Seixo acollerá hoxe un evento musical que ofrecerá unha serie de concertos en directo da man dos dúos locais A Revolta, cun estilo folk combativo, e Zeltia Irevire, enfocado ao folk tribal. As actuacións, que darán comezo a partir das 20.30 horas, contarán cun carácter reivindicativo en protesta á situación da sanidade pública de dita parroquia marinense.

Esta iniciativa naceu dun acordo establecido entre o guitarrista de A Revolta, Samuel Acuña, e a cantautora do dúo Irevire, Zeltia Acuña, ambos con raíces en Seixo, motivado polo desexo de tocar no histórico Cine Seixo. Así, en colaboración coa Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, decidiron trasladar o seu apoio á causa defendida por dito colectivo outorgándolle un aspecto cultural e musical.

As entradas anticipadas ao evento estarán dispoñibles en La Panadería de Seixo, e tanto estas como as que sexan adquiridas á entrada do concerto terán un prezo xeral de seis euros.

artigos relacionados DIARIO DE PONTEVEDRA

MANIFESTACIÓN EN O MORRAZO PARA SALVAR A ATENCIÓN PRIMARIA

4-xuño-2022

A veciñanza de Moaña suma máis de 25 domingos consecutivos de mobilización diante da Casa do Mar da localidade. E mentres o Goberno galego non atenda as súas demandas, seguirá a concentrarse ao final de cada semana.

Así o expresou este domingo, 5 de xuño, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, encargada de ler o manifesto que clausurou unha marcha que arrancou da Casa do Concello e finalizou no centro de saúde, na que participaron centos de persoas da comarca.

5.000 persoas toman as rúas de Moaña en defensa da sanidade pública

Mesa Local da Sanidade de Moaña reclama á Consellaría de Sanidade que cubra as vacantes  do persoal médico de tarde, que reabra as urxencias e reforce o servizo de ambulancias do Morrazo.

As reivindicacións da cidadanía de Moaña foron secundadas polo Concello e a veciñanza de Cangas, que se sumaron á protesta.

Política de recortes

Censuraron as políticas de recortes da Xunta e as consecuencias da perda paulatina de orzamentos, profesionais, camas hospitalarias e servizos esenciais externalizados á sanidade privada; entre outros “listas de agarda disparadas, colapso das urxencias e desatención da saúde mental e das mulleres”.

Con todo, subliñaron, a que con “máis intensidade sufriu os recortes foi a Atención Primaria“, con “consultas masificadas, redución de profesionais, sen substitucións, feche de axendas e PAC ao límite”.

Exiximos a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña e da atención médica para toda a veciñanza

pandemia agravou a situación, denunciaron e converteuse na “coartada perfecta” para facer de “definitivas” medidas que se anunciaron como “provisionais”.

Mundanzas organizativas

Leticia Santos referiuse ao traslado das urxencias de Moaña a Cangas, que exixe restituír de inmediato. “Levar as urxencias en Cangas supuxo un incremento do tempo de resposta en casos onde a presenza dos equipos médicos é vital”, polo que tamén demanda unha ambulancia para o reforzo da comarca.

“A falta de PAC en Moaña, desde outubro a quenda de médicas de tarde está ao 50%, polo 2.870 persoas non temos médica de referencia. Cada día aténdenos unha persoa distinta se non é que nos derivan a Cangas”.

 Primaria pode perder 40% dos médicos en cinco anos

Cuestionou o seguimento de patoloxías e doentes, así como o silencio do conselleiro de ante a petición dunha reunión urxente.

“Non podemos permitir que se destrúa un ben tan prezado como a sanidade pública”, concluíu. “Exiximos a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña, a atención médica para toda a veciñanza e o reforzo de todo o persoal sanitario da Atención Primaria, médico, pero tamén administrativo, de enfermaría, rehabilitación e pediatría“.

Artigos de prensa relacionados

VOZ DE GALICIA

NÓS DIARIO

A IMPARABLE PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA

Manuel Martín, médico de familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública,

MANUEL MARTÍN GARCÍA

24/MAIO/22

Nos últimos anos, especialmente desde os recortes sanitarios que introduciron Mariano Rajoy e Núñez Feijóo nos recursos do sistema –coa coartada de facer fronte á crise económica do 2008 e das estratexias para combater a epidemia da Covid–, a privatización sanitaria avanzou de maneira significativa en Galicia, tanto na provisión como no financiamento dos servizos. 

Aínda que o gasto sanitario creceu moderadamente nos últimos dous anos, destínase esencialmente a Atención Hospitalaria, compra de aparatos tecnolóxicos –que venden as multinacionais apoiadas por Feijóo– o que desequilibra o sistema e abre o camiño á privatización.

O orzamento sanitario para o 2022 representa o 34 % do orzamento galego e creceu en 268,7 millóns con respecto ao 2021. Estes fondos destínanse preferentemente a:

—Atención hospitalaria, que crece un 16,5% (28 millóns de euros). A pesar diso, moitos servizos seguen funcionando a baixo rendemento coa coartada de que é necesario reservar camas e recursos á Covid, algo que non se corresponde coa realidade. Esta situación xerou un enorme tapón nas listas de espera de consulta, probas diagnosticas e cirurxía, que deterioran gravemente o sistema e a súa imaxe pública.
—Comprar equipamento tecnolóxico ás empresas multinacionais que os fabrican, 6,4 millóns para equipos de ultrasón, 25,6 para bloques cirúrxicos e 61,3 millóns para equipos de diagnóstico por imaxe.

Mentres tanto, o orzamento para Atención Primaria, semiparalizada e ao bordo do colapso, reduciuse en dous millóns con respecto ao pasado 2021, debilitando aínda máis a Atención Primaria que é a base do sistema público e absolutamente imprescindible para garantir unha atención integral baseada na promoción, prevención e a rehabilitación da saúde.

No 2009 o gasto privado supoñía 25% do gasto total e creceu nos últimos 10 anos de maneira moi importante ata alcanzar 31% do gasto, o que representa un aumento de 20%. A este ritmo, en 20 anos poderiamos ter a sanidade privatizada na súa case totalidade.

A privatización medra a pasos axigantados

As políticas do Sergas para combater a epidemia da Covid en Galicia baseáronse en limitar o acceso aos centros de saúde para evitar contaxios e en paralizar a actividade de numerosos servizos para deixar espazo ás persoas afectadas polo virus. Esta política favoreceu o crecemento do seguros privados. Incrementáronse un 3 % nos últimos anos, pasando dun gasto per cápita de 98 euros en 2014 a 121 no 2021, o que supón un incremento de 20%. Con todo, moitos dos novos seguros ofértanse unhas primas de 15 euros mensuais (seguros lixo) incompatibles cunha cobertura real da enfermidade (con primas superiores a 600 euros). Por outra banda para obter os maiores beneficios moitas aseguradoras explotan ao persoal médico con contratos de entre 7-30 euros por consulta de medicina xeral ou de 16-40 na especializada, o que obriga a este persoal a masificar as axendas con grave deterioración da calidade da atención.

Outra privatización do financiamento constitúeo o chamado gasto de peto, é dicir o pago que ten que realizar a poboación para pagar ao dentista, comprar medicamentos, próteses e órteses, fisioterapia, etc. Este gasto supón 457 euros per cápita ao ano ou 2.000 euros por familia. Resulta inxusto e un atentado para a equidade que a poboación que paga a súa sanidade pública con impostos teña que realizar a maiores estes importantes gastos, que non todo o mundo é capaz de afrontar.

A masificación das axendas supón unha grave deterioración da calidade da atención

Os hospitais privados están a ser adquiridos por empresas multinacionais e viven das subvencións públicas. Este sector sanitario dispón en Galicia de 62% dos hospitais e 24% das camas. Os centros privados realizan 27,8% das intervencións cirúrxicas, 20,4% das hospitalizacións e atende 21,8% das urxencias, en gran parte grazas a concertos co Sergas. Ata hai pouco a maioría dos hospitais pertencían a pequenas empresas familiares ou cooperativas médicas.

Estes hospitais acumulan importantes recursos tecnolóxicos, como 59% dos equipamentos de resonancia magnética ou 50% dos PET (tomografía por emisión de positróns).

O 80% dos hospitais privados (16 dun total de 24) teñen concertos coa seguridade social que lles envía pacientes en lista de espera.

Durante o Goberno de Núñez Feijóo, puxéronse en práctica diferentes fórmulas para facilitar o transvasamento de diñeiro da sanidade pública á privada:

—Concertos parciais, polos que o Sergas envía volumes de pacientes determinados e garantidos a 13 centros.
—Concertos substitutorios, polos que prestan toda a actividade asistencial a unha poboación asignada polo Sergas. Esta fórmula aplícase a tres hospitais (30% do total do Estado).
—Concertos singulares, polos que a Clínica Povisa, de titularidade privada, se integrou na Rede de Hospitais de Utilización Pública.

A maior parte destes concertos especiais benefician empresas multinacionais que adquiriron nos últimos anos numerosos centros privados tradicionais: Quirón Saúde (aseguradora estadounidense Centene), 1 Vithas, 2 HM Hospitais e 1 Ribeira Saúde (multinacional alemá Fresenius). É dicir, boa parte da actividade hospitalaria financiada co orzamento público galego está en mans de grandes multinacionais.

RECLAMACIÓN DE AMBULANCIAS polas plataformas de O Rosal, A Guarda e Oia

24 maio 2022

As plataformas do Rosal, A Guarda e Oia reclaman máis ambulancias asistenciais no Baixo Miño e unha medicalizada, debido as críticas desatadas porque houbo que facer un traslado a pé dunha camilla desde o centro de saúde ata o helicóptero cun paciente que sufriu un infarto.

Trátanse das ambulancias asistenciais de soporte vital básico, con base nos Concellos da Guarda e Tomiño, as asistenciais de soporte vital avanzado con base en Mos ou Vigo ou a asistencial de enfermería con base en Vigo así como os helicópteros medicalizados, con base en Santiago e Ourense.

O 061 indicou que o venres, tras a valoración clínica do servizo, o medico coordinador especialista da central de coordinación mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Ourense, «por tratarse do recurso sanitario máis acertado e cumprindo os protocolos establecidos para o tratamento da patoloxía do paciente». Sinala que as ambulancias de soporte vital básico con base na Guarda e Tomiño atopábanse asistindo respectivamente a dúas emerxencias sanitarias que requiriron traslado de pacientes ao Álvaro Cunqueiro. Manteñen a idoneidade do traslado na aeronave, do que ninguén dubidou, por outra banda, e lembra que a localización dos recursos asistenciais «obedece á análise de varios criterios que se analizan periodicamente».

As plataformas en defensa da sanidade pública do Rosal, A Guarda e Oia sumáronse onte ás voces críticas co ocorrido e denuncian que «pon de manifesto a falta de medios nos centros de saúde da zona». Insisten en que, ao seu xuízo, o numero de ambulancias asistenciais é insuficiente, que fai falta unha medicalizada e tamén persoal sanitario.

imaxe dunha concentración anterior en Tebra ( Tomiño) en agosto de 2021

UNIDADE MOBIL NA MARIÑA- reclamacions Centros de Saude

O veran foi decisivo para a Atencion Primaria e a atención da poboación, pola falta de persoal sanitario, o incremento da poboacion polo turismo nas localidades  e polas vacacions do persoal.

Por iso incrementáronse as mobilizacions, non podemos  resignarnos 

Foi un veran quente de mobilizacions cidadans  

MANIFESTACIÓN 12 MAIO- Vigo

O vindeiro xoves día 12 de maio ás 20 horas, as Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública – SOS  Sanidade da Área Sanitaria de Vigo, convocamos unha manifestación para Salvar a Atención Primaria e Recuperar a Sanidade Pública desmantelada polo PP.

               Reivindicamos unha:

1.      Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo ás persoas enfermas.

2.      Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 10% da cidadanía e acabar coas listas de espera que están a danar gravemente a saúde da poboación.

3.      Contratación digna do persoal que permita unha atención de calidade.

               Todas estas reivindicacións son compartidas por todalas Plataformas que integran SOS  Sanidade Pública de Galicia.

               En decenas de pobos, vilas e cidades de toda Galicia ,multiplícanse as mobilizacións para acabar con esta situación, aínda que teñen pouca repercusión mediática fore das localidades onde se celebran.

               É o momento de volver unir forzas e facer visible o descontento de toda a poboación galega coa política sanitaria da Xunta que está tentando  o desmantelamento sistemático da Atención Primaria e da Sanidade Pública, polo que animamos a todas as Plataformas de Galicia a apoiar esta gran mobilización, repetindo as grandes mobilizacións de Santiago. 

               As Plataformas e organizacións que podan, deberían emitir comunicados de prensa de apoio e na  medida que lles sexa posible, estar presentes coas súas pancartas en Vigo.

               Se non loitamos  todxs, perderemos o dereito a ter unha sanidade publica, de calidade, universal, accesible e equitativa. 

               A Xunta ten unha estratexia de desmantelamento e privatización, que a cidadanía non pode permitir e debemos dicirllo na rúa para cambiar no posible esa estratexia e poder seguir mantendo o ben máis preciado que temos que é a saúde.

               Animádevos e participade na gran mobilización de Vigo o 12 de maio as 20 horas.!!

MANIFESTACIÓNS EN MOAÑA- máis de 5000 persoas, máis de 20 domingos consecutivos

O pasado 24de abril máis de 5.000 persoas marcharon polas rúas da localidade para denunciar o desmantelamento da Atención Primaria na localidade e reclamar a recuperación das urxencias médicas.

ver atigo completo de Fran.G.Sas e de Cristina González no Faro de Vigo

As reclamacións da veciñanza de Moaña a prol dunha sanidade de calidade non dan tregua. Após 20 domingos consecutivos de mobilizacións a favor da recuperación dos servizos médicos no centro de saúde, máis de 5.000 persoas manifestáronse na localidade en defensa dunha sanidade de calidade.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, sinalou ao remata da marcha a Nós Diario que “vivimos de celebrar unha manifestación con moito éxito para reclamar o que vimos demandando 20 domingos consecutivo, após uns retallos sanitarios que deixaron sen médico de referencia a máis de 2.700 veciños”.

A mobilización, convocada pola Mesa da Sanidade de Moaña, reclamou a volta das urxencias médicas á vila do Morrazo. A este respecto, Santos lembrou que “coa escusa da pandemia levaron para Cangas as urxencias argumentando que o centro de saúde de  Moaña non cumpría coas condicións necesarias, porén o PAC de Cangas presenta as mesmas características técnicas”.

Urxencias en Cangas

Leticia Santos advertiu que co “traslado das urxencias a Cangas incrementáronse os tempos de resposta do servizo de ambulancias cando se require persoal médico o que provoca graves retrasos na atención”.

A rexedora de Moaña urxiu ao “reforzo dos servizos de ambulancia, xa que se deron varios casos en que a atención médica non chegou coa suficiente rapidez e isto restou oportunidades a varias persoas que acabaron perdendo a vida. Nunca saberemos se se podería ter dado un resultado diferente”

Santos asegurou que “seguiremos a convocar estas mobilizacións até que a Consellaría entenda que as nosas demandas son xustas e que o que pedimos é ter unha Atención Primaria digna e uns servizos de urxencias en Moaña”.

TERRIBLES DATOS SOBRE AS LISTAS DE ESPERA HOSPITALARIAS

NOTA DA ASOCIACIÓN GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA (AGDSP) SOBRE A PUBLICACION DAS LISTAS DE ESPERA NO ESTADO ESPAÑOL  EN DECEMBRO 2021.

1. O SERGAS segue instalado na súa política de reducir a información sobre as  Listas de Espera en Galicia, non publicando a información do mes decembro, como fan o Ministerio de Sanidade e o resto de CCAA . Como non dispoñemos de datos de decembro do 2021, compararemos as listas de xuño do 2019 (antes inicio pandemia)  con xuño  do 2020.

2. Esta información é especialmente importante nun momento en que os pacientes en espera duplicáronse durante a pandemia (un 46% máis respecto ao 2016 en todo o Estado). Este crecemento está acompañado dun incremento da mortalidade evitable (segundo recentes estudos científicos en que o crecemento das listas, incrementou a mortalidade evitable ou en torno ao 40% en homes e ao 30% en mulleres.

3.- Existen serias dúbidas sobre o grao de veracidade e transcendencia dos datos das listas de Galicia. Aínda que a información do Ministerio de Sanidade a coloca no penúltimo lugar na espera cirúrxica; se analizamos as intervencións mais frecuentes, observamos que Galicia ocupa o 5º lugar de 17 CCAA,  en pacientes  en espera por 1000 habitantes, un 11%  máis  que a media española, pola parálise hospitalaria.

4.- Estas esperas son sumatorias, empezan coa consulta solicitada a unha especialidade hospitalaria pola Atención Primaria, o tempo para realizar as probas diagnosticas solicitadas, e unha vez que volve x paciente a consulta, ten  a espera correspondente para a intervención cirúrxica. O tempo de espera cirúrxica, incrementouse un 20%, o de primeiras consultas hospitalarias un 11,7% e o de probas  diagnósticas un 17,3%. Así pois, habería que engadir un mes á espera real que soporta  cada paciente.

5.- A gran prexudicada por esta situación é a poboación que soporta importantes atrasos nos diagnósticos, tratamentos e rehabilitación por enfermidades  curables se se tratasen a tempo.

6.- A beneficiaria, como sempre co PP, é a sanidade privada, que recibe por centos axs paciente en espera non tratados nos hospitais públicos. En moitos destes hospitais, desde as secretarias dos servizos envían a estas persoas directamente a privada (se non o aceptan pasan ás listas ocultas ou Non Estruturais). Neste intre o caso concreto do Hospital de xestión Público-Privada Alvaro Cunqueiro de Vigo é revelador: este Centro que naceu para acabar coas listas de espera de Vigo (segundo Núñez Feijoo) gastase este ano 8 millóns de euros a maiores en enviar pacientes en espera aos hospitais privados de POVISA, Vithas, Concheiro,  Quirón Saúde e Clínica  Gaias.

Desde a AGDSP, consideramos que acabar coas listas de agarda, non pasa por incrementar o envío de pacientes aos centros privados senón por un plan urxente para incrementar a actividade dos centros públicos e acabar coa parálise parcial dalgunhas especialidades.

A falta de infraestruturas e de persoal é unicamente responsabilidade de quen está ao cargo da Sanidade Pública en Galicia dende fai 13 anos: o PP. 

foto das protestas polas lists de espera o pasado 22 de febreiro en Vigo

ACTO PÚBLICO- Xoves 10 de maio-Vigo

               O xoves 10 as 19:00h celebrarase na Casa Galega da Cultura de Vigo un encontro con motivo da manifestación que terá lugar vindeiro xoves día 12 de maio ás 20 horas.

Participarán :

Alberto García Pazos, Médico de Familia

María José Dieguez, Presidenta da Xunta de Persoal

Manuel G. Moreira, Plataforma SOS Sanidade Pública

As Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública – SOS  Sanidade da Área Sanitaria de Vigo, convocamos erstá movilización para Salvar a Atención Primaria e Recuperar a Sanidade Pública desmantelada polo PP.

               Reivindicamos unha:

1.      Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo ás persoas enfermas.

2.      Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 10% da cidadanía e acabar coas listas de espera que están a danar gravemente a saúde da poboación.

3.      Contratación digna do persoal que permita unha atención de calidade.

               Todas estas reivindicacións son compartidas por todalas Plataformas que integran SOS  Sanidade Pública de Galicia.

               En decenas de pobos, vilas e cidades de toda Galicia ,multiplícanse as mobilizacións para acabar con esta situación, aínda que teñen pouca repercusión mediática fore das localidades onde se celebran.

               É o momento de volver unir forzas e facer visible o descontento de toda a poboación galega coa política sanitaria da Xunta que está tentando  o desmantelamento sistemático da Atención Primaria e da Sanidade Pública, polo que animamos a todas as Plataformas de Galicia a apoiar esta gran mobilización, repetindo as grandes mobilizacións de Santiago. 

               As Plataformas e organizacións que podan, deberían emitir comunicados de prensa de apoio e na  medida que lles sexa posible, estar presentes coas súas pancartas en Vigo.

               Se non loitamos  todxs, perderemos o dereito a ter unha sanidade publica, de calidade, universal, accesible e equitativa. 

               A Xunta ten unha estratexia de desmantelamento e privatización, que a cidadanía non pode permitir e debemos dicirllo na rúa para cambiar no posible esa estratexia e poder seguir mantendo o ben máis preciado que temos que é a saúde.

               Animádevos e participade na gran mobilización de Vigo o 12 de maio as 20 horas!!

x

O sergas debería ter un plan de detección precoz de glaucoma

Entrevista publicada en Laduda.net de Erik Dobaño a Luis García, voceiro na Coruña da Asociación Galega de Prevención de Glaucoma.

ligazón a Laduda.net

Estamos na semana mundial do glaucoma. Luis García actualiza a información sobre esta enfermidade e a actuación do sergas.

duda.net

Luis García: “As listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia”

ERIK DOBAÑO / Se hai un ano a actividade da sección coruñesa da Asociación para a Prevención do Glaucoma xirou en torno aos problemas de mobilidade cunha palestra organizada en colaboración con EntreNós, laduda.net e outros medios, a Semana Mundial do Glaucoma está neste 2018 orientada a dar conta do “grandísimo descontento social” pola calidade da atención sanitaria que tamén afecta a esta patoloxía, sinala Luís García. “Temos a mellor sanidade pública en canto te chaman, pero mentres esperas nas listas de espera a nosa sanidade está no nivel de calquera país subdesenvolvido”. García remata a entrevista cunha afirmación que dá conta dese enorme descontento do que fala e que se viu reflectido na mobilización do 4 de marzo: “As listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia”.

– A canta poboación afecta e que efectos ten o glaucoma?

– Calcúlase que a un 2% da poboación. A nivel mundial estaríamos falando da segunda causa de cegueira, só por detrás das cataratas. A única maneira que existe para detectala é a través dun exame do nervio óptico. Require unha cirurxía moi especializada e non todos os oftalmólogos son quen de facela. Vas perdendo visión lateral e, se para, quedas cunha visión de canon de escopeta. Hai grupos de risco, si. Falamos de persoas con antecedentes familiares, de xente que a partir dos 50 anos de idade debería someterse a revisións.

– Como é a atención ao glaucoma no servizo público de saúde?

– Pois lamentabelmente como calquera outra patoloxía: lenta. Non é que poña en dúbida as estatísticas do Sergas, pero cústame crer que a lista de espera está nos 68 días. Ademais, falla a prevención. Mire, esta asociación en Galiza fundouse porque a actual presidenta sufriu o caso de seu pai. O home tiña ben a tensión ocular e ninguén se parou a mirar máis. Non abonda con medir a tensión ocular. Non abonda coas revisións dos oculistas. Hai un par de anos na Coruña había catro retinógrafos, que son os aparatos precisos para valorar o estado do nervio óptico. A prevención debería comezar no médico de familia que derivase ás persoas con antecedentes ao oftalmólogo.

– Non hai moito da dimisión do xefe de oftalmoloxía do Hospital de Pontevedra queixándose das listas de espera… Hai problemas en todos os servizos de oftalmoloxía?

– O que sei é que Pedro Corsino é un profesional honrado e prestixioso. Pensou que a atención non era como debía ser. Cansouse de pelexar? Non o sei… o que sei é que a saturación é algo xeral a toda a sanidade galega.

– Vostede fai parte de SOS Sanidade Pública. Como valora a mobilización do 4 de marzo?

– Eu creo que expresou un grandísimo descontento social. A xente está cansa. Está cansa das esperas. E empeza a ver como o deterioro do sistema público ten que ver coas políticas de privatización. Non sei se comprenderon a magnitude do problema… pero ese descontento evidencia que a xente empeza a darse conta de que algo non vai ben, inda que non saben certo o porqué. Por exemplo, non sei se como pacientes comprendemos o que significa a diminución de servizos sanitarios. Mire, na Mariña lucense eliminouse a unidade de neonatos a base de derivar pacientes a Lugo e, despois, dicir que na Mariña non era precisa a unidade porque non había pacientes… Así de basto.

– A plataforma SOS Sanidade Pública é moi crítica coa Lei de Garantías que impulsa o goberno Feijóo. Como explicaría ese rexeitamento?

– Esa lei o que pretende é dar á sanidade pública un lavado de cara que acabe favorecendo á sanidade privada. O que se está facendo é ofertar pacientes á sanidade privada. No futuro, na pública atenderanse só as patoloxías que non lle resulten rendíbeis á privada. E todo ese plan vístese como boa administración. Mentres obrigan aos pacientes a tratarse en centros privados, nos públicos hai salas pechadas. Por riba, esa deriva significa que se perde desde o público o control do paciente…

– Que mensaxe lle gustaría ser quen de fixar nas cabezas dos que acudan á conferencia deste mércores?

– Pois unha moi clara: que a saúde é un dereito cidadán que non pode estar suxeito a intereses mercantís. Que lle parece?

– Un bo resumo…

– Mire, terá escoitado dicir iso de que temos a mellor sanidade pública do mundo. Pode ser certo, pero con matices. Temos a mellor sanidade pública en canto te chaman, pero mentres esperas nas listas de espera a nosa sanidade está no nivel de calquera país subdesenvolvido.

– Nunha charla recente escoiteille dicir que as asociacións de pacientes corren o risco de acabar facéndolle o xogo a intereses alleos.

– Somos unha simple asociación, non podemos coñecer a problemática doutras, estamos en foros como SOS Sanidade Pública porque sabemos que as problemáticas son semellantes e que a mobilización, penso, é agora mesmo o único camiño. Pero direi unha cousa: a sanidade converteuse nun gran negocio. Sabe quen é o principal cliente do sistema sanitario público en España? Pois a industria farmacéutica. Eles son grandes e nós, pequenos.

– Pero, segue confiando na mobilización?

– Non queda outra. Neste momento non vexo outro axente político ou social que poida facer o traballo de SOS Sanidade Pública. E segue sendo insuficiente.

E segue pedindo a SOS Sanidade Pública que traballe en serio na denuncia das lista de espera...
– Sigo… e en máis cousas. Falaba antes da perda de control. Iso ten que ver con que descoñecemos os niveis de eficiencia do sistema privado, que non comparte necesariamente os controis do público. En canto ás listas de espera, se ben é certo que ten que habelas en calquera sistema sanitario, a partir do momento en que esas listas fan moi limitada ou mesmo nula a eficacia do tratamento, convértense noutra cousa. Entón, as listas de espera son, na práctica, unha negativa de asistencia.

 

A %d blogueros les gusta esto: