A IMPARABLE PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA

Manuel Martín, médico de familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública,

MANUEL MARTÍN GARCÍA

24/MAIO/22

Nos últimos anos, especialmente desde os recortes sanitarios que introduciron Mariano Rajoy e Núñez Feijóo nos recursos do sistema –coa coartada de facer fronte á crise económica do 2008 e das estratexias para combater a epidemia da Covid–, a privatización sanitaria avanzou de maneira significativa en Galicia, tanto na provisión como no financiamento dos servizos. 

Aínda que o gasto sanitario creceu moderadamente nos últimos dous anos, destínase esencialmente a Atención Hospitalaria, compra de aparatos tecnolóxicos –que venden as multinacionais apoiadas por Feijóo– o que desequilibra o sistema e abre o camiño á privatización.

O orzamento sanitario para o 2022 representa o 34 % do orzamento galego e creceu en 268,7 millóns con respecto ao 2021. Estes fondos destínanse preferentemente a:

—Atención hospitalaria, que crece un 16,5% (28 millóns de euros). A pesar diso, moitos servizos seguen funcionando a baixo rendemento coa coartada de que é necesario reservar camas e recursos á Covid, algo que non se corresponde coa realidade. Esta situación xerou un enorme tapón nas listas de espera de consulta, probas diagnosticas e cirurxía, que deterioran gravemente o sistema e a súa imaxe pública.
—Comprar equipamento tecnolóxico ás empresas multinacionais que os fabrican, 6,4 millóns para equipos de ultrasón, 25,6 para bloques cirúrxicos e 61,3 millóns para equipos de diagnóstico por imaxe.

Mentres tanto, o orzamento para Atención Primaria, semiparalizada e ao bordo do colapso, reduciuse en dous millóns con respecto ao pasado 2021, debilitando aínda máis a Atención Primaria que é a base do sistema público e absolutamente imprescindible para garantir unha atención integral baseada na promoción, prevención e a rehabilitación da saúde.

No 2009 o gasto privado supoñía 25% do gasto total e creceu nos últimos 10 anos de maneira moi importante ata alcanzar 31% do gasto, o que representa un aumento de 20%. A este ritmo, en 20 anos poderiamos ter a sanidade privatizada na súa case totalidade.

A privatización medra a pasos axigantados

As políticas do Sergas para combater a epidemia da Covid en Galicia baseáronse en limitar o acceso aos centros de saúde para evitar contaxios e en paralizar a actividade de numerosos servizos para deixar espazo ás persoas afectadas polo virus. Esta política favoreceu o crecemento do seguros privados. Incrementáronse un 3 % nos últimos anos, pasando dun gasto per cápita de 98 euros en 2014 a 121 no 2021, o que supón un incremento de 20%. Con todo, moitos dos novos seguros ofértanse unhas primas de 15 euros mensuais (seguros lixo) incompatibles cunha cobertura real da enfermidade (con primas superiores a 600 euros). Por outra banda para obter os maiores beneficios moitas aseguradoras explotan ao persoal médico con contratos de entre 7-30 euros por consulta de medicina xeral ou de 16-40 na especializada, o que obriga a este persoal a masificar as axendas con grave deterioración da calidade da atención.

Outra privatización do financiamento constitúeo o chamado gasto de peto, é dicir o pago que ten que realizar a poboación para pagar ao dentista, comprar medicamentos, próteses e órteses, fisioterapia, etc. Este gasto supón 457 euros per cápita ao ano ou 2.000 euros por familia. Resulta inxusto e un atentado para a equidade que a poboación que paga a súa sanidade pública con impostos teña que realizar a maiores estes importantes gastos, que non todo o mundo é capaz de afrontar.

A masificación das axendas supón unha grave deterioración da calidade da atención

Os hospitais privados están a ser adquiridos por empresas multinacionais e viven das subvencións públicas. Este sector sanitario dispón en Galicia de 62% dos hospitais e 24% das camas. Os centros privados realizan 27,8% das intervencións cirúrxicas, 20,4% das hospitalizacións e atende 21,8% das urxencias, en gran parte grazas a concertos co Sergas. Ata hai pouco a maioría dos hospitais pertencían a pequenas empresas familiares ou cooperativas médicas.

Estes hospitais acumulan importantes recursos tecnolóxicos, como 59% dos equipamentos de resonancia magnética ou 50% dos PET (tomografía por emisión de positróns).

O 80% dos hospitais privados (16 dun total de 24) teñen concertos coa seguridade social que lles envía pacientes en lista de espera.

Durante o Goberno de Núñez Feijóo, puxéronse en práctica diferentes fórmulas para facilitar o transvasamento de diñeiro da sanidade pública á privada:

—Concertos parciais, polos que o Sergas envía volumes de pacientes determinados e garantidos a 13 centros.
—Concertos substitutorios, polos que prestan toda a actividade asistencial a unha poboación asignada polo Sergas. Esta fórmula aplícase a tres hospitais (30% do total do Estado).
—Concertos singulares, polos que a Clínica Povisa, de titularidade privada, se integrou na Rede de Hospitais de Utilización Pública.

A maior parte destes concertos especiais benefician empresas multinacionais que adquiriron nos últimos anos numerosos centros privados tradicionais: Quirón Saúde (aseguradora estadounidense Centene), 1 Vithas, 2 HM Hospitais e 1 Ribeira Saúde (multinacional alemá Fresenius). É dicir, boa parte da actividade hospitalaria financiada co orzamento público galego está en mans de grandes multinacionais.

MANIFESTACIÓN 12 MAIO- Vigo

O vindeiro xoves día 12 de maio ás 20 horas, as Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública – SOS  Sanidade da Área Sanitaria de Vigo, convocamos unha manifestación para Salvar a Atención Primaria e Recuperar a Sanidade Pública desmantelada polo PP.

               Reivindicamos unha:

1.      Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo ás persoas enfermas.

2.      Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 10% da cidadanía e acabar coas listas de espera que están a danar gravemente a saúde da poboación.

3.      Contratación digna do persoal que permita unha atención de calidade.

               Todas estas reivindicacións son compartidas por todalas Plataformas que integran SOS  Sanidade Pública de Galicia.

               En decenas de pobos, vilas e cidades de toda Galicia ,multiplícanse as mobilizacións para acabar con esta situación, aínda que teñen pouca repercusión mediática fore das localidades onde se celebran.

               É o momento de volver unir forzas e facer visible o descontento de toda a poboación galega coa política sanitaria da Xunta que está tentando  o desmantelamento sistemático da Atención Primaria e da Sanidade Pública, polo que animamos a todas as Plataformas de Galicia a apoiar esta gran mobilización, repetindo as grandes mobilizacións de Santiago. 

               As Plataformas e organizacións que podan, deberían emitir comunicados de prensa de apoio e na  medida que lles sexa posible, estar presentes coas súas pancartas en Vigo.

               Se non loitamos  todxs, perderemos o dereito a ter unha sanidade publica, de calidade, universal, accesible e equitativa. 

               A Xunta ten unha estratexia de desmantelamento e privatización, que a cidadanía non pode permitir e debemos dicirllo na rúa para cambiar no posible esa estratexia e poder seguir mantendo o ben máis preciado que temos que é a saúde.

               Animádevos e participade na gran mobilización de Vigo o 12 de maio as 20 horas.!!