A IMPARABLE PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA

Manuel Martín, médico de familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública,

MANUEL MARTÍN GARCÍA

24/MAIO/22

Nos últimos anos, especialmente desde os recortes sanitarios que introduciron Mariano Rajoy e Núñez Feijóo nos recursos do sistema –coa coartada de facer fronte á crise económica do 2008 e das estratexias para combater a epidemia da Covid–, a privatización sanitaria avanzou de maneira significativa en Galicia, tanto na provisión como no financiamento dos servizos. 

Aínda que o gasto sanitario creceu moderadamente nos últimos dous anos, destínase esencialmente a Atención Hospitalaria, compra de aparatos tecnolóxicos –que venden as multinacionais apoiadas por Feijóo– o que desequilibra o sistema e abre o camiño á privatización.

O orzamento sanitario para o 2022 representa o 34 % do orzamento galego e creceu en 268,7 millóns con respecto ao 2021. Estes fondos destínanse preferentemente a:

—Atención hospitalaria, que crece un 16,5% (28 millóns de euros). A pesar diso, moitos servizos seguen funcionando a baixo rendemento coa coartada de que é necesario reservar camas e recursos á Covid, algo que non se corresponde coa realidade. Esta situación xerou un enorme tapón nas listas de espera de consulta, probas diagnosticas e cirurxía, que deterioran gravemente o sistema e a súa imaxe pública.
—Comprar equipamento tecnolóxico ás empresas multinacionais que os fabrican, 6,4 millóns para equipos de ultrasón, 25,6 para bloques cirúrxicos e 61,3 millóns para equipos de diagnóstico por imaxe.

Mentres tanto, o orzamento para Atención Primaria, semiparalizada e ao bordo do colapso, reduciuse en dous millóns con respecto ao pasado 2021, debilitando aínda máis a Atención Primaria que é a base do sistema público e absolutamente imprescindible para garantir unha atención integral baseada na promoción, prevención e a rehabilitación da saúde.

No 2009 o gasto privado supoñía 25% do gasto total e creceu nos últimos 10 anos de maneira moi importante ata alcanzar 31% do gasto, o que representa un aumento de 20%. A este ritmo, en 20 anos poderiamos ter a sanidade privatizada na súa case totalidade.

A privatización medra a pasos axigantados

As políticas do Sergas para combater a epidemia da Covid en Galicia baseáronse en limitar o acceso aos centros de saúde para evitar contaxios e en paralizar a actividade de numerosos servizos para deixar espazo ás persoas afectadas polo virus. Esta política favoreceu o crecemento do seguros privados. Incrementáronse un 3 % nos últimos anos, pasando dun gasto per cápita de 98 euros en 2014 a 121 no 2021, o que supón un incremento de 20%. Con todo, moitos dos novos seguros ofértanse unhas primas de 15 euros mensuais (seguros lixo) incompatibles cunha cobertura real da enfermidade (con primas superiores a 600 euros). Por outra banda para obter os maiores beneficios moitas aseguradoras explotan ao persoal médico con contratos de entre 7-30 euros por consulta de medicina xeral ou de 16-40 na especializada, o que obriga a este persoal a masificar as axendas con grave deterioración da calidade da atención.

Outra privatización do financiamento constitúeo o chamado gasto de peto, é dicir o pago que ten que realizar a poboación para pagar ao dentista, comprar medicamentos, próteses e órteses, fisioterapia, etc. Este gasto supón 457 euros per cápita ao ano ou 2.000 euros por familia. Resulta inxusto e un atentado para a equidade que a poboación que paga a súa sanidade pública con impostos teña que realizar a maiores estes importantes gastos, que non todo o mundo é capaz de afrontar.

A masificación das axendas supón unha grave deterioración da calidade da atención

Os hospitais privados están a ser adquiridos por empresas multinacionais e viven das subvencións públicas. Este sector sanitario dispón en Galicia de 62% dos hospitais e 24% das camas. Os centros privados realizan 27,8% das intervencións cirúrxicas, 20,4% das hospitalizacións e atende 21,8% das urxencias, en gran parte grazas a concertos co Sergas. Ata hai pouco a maioría dos hospitais pertencían a pequenas empresas familiares ou cooperativas médicas.

Estes hospitais acumulan importantes recursos tecnolóxicos, como 59% dos equipamentos de resonancia magnética ou 50% dos PET (tomografía por emisión de positróns).

O 80% dos hospitais privados (16 dun total de 24) teñen concertos coa seguridade social que lles envía pacientes en lista de espera.

Durante o Goberno de Núñez Feijóo, puxéronse en práctica diferentes fórmulas para facilitar o transvasamento de diñeiro da sanidade pública á privada:

—Concertos parciais, polos que o Sergas envía volumes de pacientes determinados e garantidos a 13 centros.
—Concertos substitutorios, polos que prestan toda a actividade asistencial a unha poboación asignada polo Sergas. Esta fórmula aplícase a tres hospitais (30% do total do Estado).
—Concertos singulares, polos que a Clínica Povisa, de titularidade privada, se integrou na Rede de Hospitais de Utilización Pública.

A maior parte destes concertos especiais benefician empresas multinacionais que adquiriron nos últimos anos numerosos centros privados tradicionais: Quirón Saúde (aseguradora estadounidense Centene), 1 Vithas, 2 HM Hospitais e 1 Ribeira Saúde (multinacional alemá Fresenius). É dicir, boa parte da actividade hospitalaria financiada co orzamento público galego está en mans de grandes multinacionais.