
A Iniciativa Lexislativa Popular para Salvar e Fortalecer a Atención Primaria que se debaterá o próximo día 9 no Parlamento de Galicia, apoiada por máis de 50.000 firmas, contén unha serie de propostas que imos explicar e desenvolver durante os próximos días nesta web e más nosas redes sociais, pois consideramos moi necesario que a poboación e o persoal sanitario teñan coñecemento do tema e se animen a mostrar públicamente o apoio os días previos ao debate.
Primeiro de nada lembrar que estas Iniciativas non poden propoñer medidas que supoñan un aumento orzamentario, polo que non contempla un dos puntos fundamentais para abordar a crise da Atención Primaria como é a falta dun financiamento suficiente. En Galicia o gasto para Atención Primaria supón en torno ao 14 % do total , cando según a Organización Mundial da Saúde debería ser do 25%.
Articulo nº 1 da ILP: Garantir a presencialidad e a calidade da atención.
Resulta imposible realizar correctamente un diagnóstico médico se non é de xeito presencial. O paciente é quen debe decidir se necesita ser atendido por teléfono ou por vía telemática.
O diagnóstico médico debe basearse na consulta presencial que permite a comunicación verbal e xestual, a anamneses, a exploración física, o diagnóstico, prognóstico e tratamento, mediante un intercambio e diálogo activo. O paciente ten nos seus dereitos o de ser escoitado e de poder expresar a súa dor ou padecemento.
A consulta telefónica ou telemática ten que ser acoutada na súa utilidade (resolver dubidas, comunicar resultados, ou axendar novas citas).
A comunicación directa e presencial é totalmente imprescindible na orientación diagnóstica, reduce a necesidade de probas complementarias, resolve dúbidas e contribúe a unha maior adherencia do tratamento ao estar a persoa enferma implicada directamente na toma de decisións.
A consulta presencial atópase ameazada por presións administrativas, tecnolóxicas, económicas, industriais, e políticas que nos levan a unha Medicina burocratizada.
Esta situación aumenta a inseguridade clínica en todos os procesos, aumentando o risco de posibles erros diagnósticos e o conseguinte posible deterioro para a saúde das persoas e incluso o posible risco para as súas vidas.
O simple feito de que algunhas patoloxías como un problema hepático poidan detectarse pola cor amarillenta da pel ou do globo ocular ( algo que o paciente pode non notar) demostra a necesidade lóxica dunha revisión presencial e o surrealismo absurdo dun sistema de xestión sanitaria fracasado que xa está conseguindo un aumento da mortalidade evitable na población galega non xustificada pola epidemioloxía.