NOTA DA ASOCIACIÓN GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA (AGDSP) SOBRE A PUBLICACION DAS LISTAS DE ESPERA NO ESTADO ESPAÑOL EN DECEMBRO 2021.
1. O SERGAS segue instalado na súa política de reducir a información sobre as Listas de Espera en Galicia, non publicando a información do mes decembro, como fan o Ministerio de Sanidade e o resto de CCAA . Como non dispoñemos de datos de decembro do 2021, compararemos as listas de xuño do 2019 (antes inicio pandemia) con xuño do 2020.
2. Esta información é especialmente importante nun momento en que os pacientes en espera duplicáronse durante a pandemia (un 46% máis respecto ao 2016 en todo o Estado). Este crecemento está acompañado dun incremento da mortalidade evitable (segundo recentes estudos científicos en que o crecemento das listas, incrementou a mortalidade evitable ou en torno ao 40% en homes e ao 30% en mulleres.
3.- Existen serias dúbidas sobre o grao de veracidade e transcendencia dos datos das listas de Galicia. Aínda que a información do Ministerio de Sanidade a coloca no penúltimo lugar na espera cirúrxica; se analizamos as intervencións mais frecuentes, observamos que Galicia ocupa o 5º lugar de 17 CCAA, en pacientes en espera por 1000 habitantes, un 11% máis que a media española, pola parálise hospitalaria.
4.- Estas esperas son sumatorias, empezan coa consulta solicitada a unha especialidade hospitalaria pola Atención Primaria, o tempo para realizar as probas diagnosticas solicitadas, e unha vez que volve x paciente a consulta, ten a espera correspondente para a intervención cirúrxica. O tempo de espera cirúrxica, incrementouse un 20%, o de primeiras consultas hospitalarias un 11,7% e o de probas diagnósticas un 17,3%. Así pois, habería que engadir un mes á espera real que soporta cada paciente.
5.- A gran prexudicada por esta situación é a poboación que soporta importantes atrasos nos diagnósticos, tratamentos e rehabilitación por enfermidades curables se se tratasen a tempo.
6.- A beneficiaria, como sempre co PP, é a sanidade privada, que recibe por centos axs paciente en espera non tratados nos hospitais públicos. En moitos destes hospitais, desde as secretarias dos servizos envían a estas persoas directamente a privada (se non o aceptan pasan ás listas ocultas ou Non Estruturais). Neste intre o caso concreto do Hospital de xestión Público-Privada Alvaro Cunqueiro de Vigo é revelador: este Centro que naceu para acabar coas listas de espera de Vigo (segundo Núñez Feijoo) gastase este ano 8 millóns de euros a maiores en enviar pacientes en espera aos hospitais privados de POVISA, Vithas, Concheiro, Quirón Saúde e Clínica Gaias.
Desde a AGDSP, consideramos que acabar coas listas de agarda, non pasa por incrementar o envío de pacientes aos centros privados senón por un plan urxente para incrementar a actividade dos centros públicos e acabar coa parálise parcial dalgunhas especialidades.
A falta de infraestruturas e de persoal é unicamente responsabilidade de quen está ao cargo da Sanidade Pública en Galicia dende fai 13 anos: o PP.
