Miles e miles de persoas en Santiago na manifestación de SOS Sanidade Pública, en defensa da sanidade pública galega

Domingo 9 de febreiro de 2020.- Mensaxe clara e contundente hoxe en Santiago de Compostela ao partido popular:

Un NON moi claro contra a privatización sanitaria de Feijoo e o partido popular.

foto moncho

Éxito absoluto, innegable, da mobilización cidadá en Santiago de Compostela.

Texto do manifesto lido ao final da manifestación na Praza da Quintana:

A Sanidade Pública Galega segue en perigo e están a saltar todalas alarmas. Hai agora un ano que nos concentramos miles de cidadáns e traballadores sanitarios nesta praza, en defensa do noso Sistema Público de Saúde e contra a aplicación de reforma da Lei Galega de Saúde (feita polo PP en solitario), pero a Xunta de Feijoo segue facendo ouvidos xordos a este clamor e segue empeñada en transformar o sistema sanitario nunha oportunidade de negocio para as empresas multinacionais e os fondos de investimento que puxeron os seus ollos na Sanidade Pública Galega que Feijoo esta deteriorando, desmantelando e privatizando.

Como denunciamos reiteradamente, a reforma da Lei Galega de Saúde, estaba dirixida a desmantelar un sistema que garantía un nivel de equidade máis que razoable e o acceso universal á asistencia sanitaria (onde seguimos a ter testimonios de denegación de asistencia) e tendo un custo dos máis baixos da Unión Europea. Aínda que é verdade que a Sanidade Pública precisa reformas, as medidas de cambio non deben copiar modelos privados que demostraron ser máis custosos, inxustos e ineficientes sobre todo en países onde goberna o neoliberalismo. A universalidade, a equidade, a accesibilidade, e a eficiencia, deben ser os acenos de identidade do noso Sistema Sanitario Público.

E por qué estamos tanta xente aquí hoxe?

1º) A decisión de supeditar a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias, contraladas por burócratas ao servizo de Feijoo, e do PP, supuxeron importantes recortes de persoal, orzamentos e equipamento, nos Centros de Saúde, que perderon calidade e capacidade resolutiva, mentres que a poboación enferma e debe esperar días ou semanas para ser atendida nos mesmos.

A consecuencia lóxica desta deterioración, foi a rebelión do persoal da Atención Primaria (indignado pola situación e a falta de resposta da administración a unhas demandas máis que xustificadas) e o apoio da poboación ás mesmas. A conxestión das urxencias hospitalarias e de atención primaria, a presión irracional sobre as consultas hospitalarias, o crecemento dos seguros privados (que non todo o mundo pode pagar e cuxa calidade é como mínimo cuestionable) e unhas listas de agarda que aínda que maquilladas, non deixan de crecer, son a consecuencia lóxica desta situación.

Chegou o momento de poñer no centro do sistema unha Atención Primaria que conte cos equipos de profesionais e dos recursos necesarios para desenvolver as actividades de promoción, prevención, tratamento e rehabilitación, que melloren a saúde da poboación e acaben coa medicalización, e oferte uns servizos accesibles e de calidade.

Hai que ofertar urxentemente as prazas de medicina familiar, pediatría, enfermaria, psicoloxía, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, traballo social, odontoloxía, persoal administrativo, farmacia clínica, que garantan unha Atención Primaria Integral e que responda aos problemas de saúde da poboación galega, en coordinación cos servizos hospitalarios, de saúde mental e de atención á dependencia e a cronicidade. Aplicar de forma efectiva o Programa Integral da Muller.

2º) Suprimíronse Áreas Sanitarias e estanse desmantelando os hospitais comarcais, nos que se siguen pechando servizos e nos que faltan profesionais, situación que está afastando á poboación rural da atención hospitalaria e incrementando a desigualdade, en detrimento das Áreas máis pobres, envellecidas e con problemas de comunicacións e desprazamento. A Sanidade Pública ten que ser cercana e participativa por parte da poboación: na nova Lei Galega de Saúde, suprimíronse os Consellos de Saúde, cauce de participación, que estaba previsto e que nunca aplicou o PP.

O peche do paritorio do Hospital de Verín e da Unidade de Pediatría, é o exemplo palpable desta política. Co subterfuxio de que faltan pediatras e descende o número de nacementos, pretendeuse deixar a miles de mulleres da área rural, sin un servizo que garantizase dar a luz en condicións de seguridade sen ter que desprazarse a quilómetros da súa residencia. Esta decisión, ademáis de discriminatoria para a poboación afastada das grandes cidades, puxo en evidencia unha política sanitaria que non ten en conta as desigualdades de xénero. E tamén puxo de manifesto, que o pobo cando se une é capaz de vencer o poder.

A mobilización da poboación da área de Verín e de todo Monterrei, en alianza cos traballadores sanitarios, en defensa do seu paritorio e da súa Unidade de Pediatría, e do seu hospital en xeral, con peches, manifestacións, marchas ao Parlamento, foron capaces de vencer a unha administración que basea a súa xestión sanitaria nos recortes, as privatizacións e o engano (co apoio incondicional da CRTVG que é o voceiro do PP). Apoio total a Defende a Galega. Resulta patético os cambios de argumentos de Nuñez Feijoo ao longo do conflito, para xustificar o peche da sala de partos que mostran falta de solidez e de racionalidade da súa política sanitaria.

3º) Recentemente foron publicadas as listas de agarda dos hospitais do SERGAS, que seguen sen publicar as non estruturais (“ya le llamaremos….”), onde se amontoan miles de enfermos pendentes de consulta, probas diagnosticas e cirurxía. As miles de persoas que teñen a desgraza de ter un problema de saúde ou un parente enfermo, coñecen a realidade que se pretende ocultar. Estas listas serven de xustificación, para enviar (moitas veces contra a súa vontade) a miles de pacientes a hospitais privados concertados, baixo a cínica Lei de Garantías (creada ad oc polo PP en solitario). Feijoo descoñece a Sanidade Real de Galicia.

Esiximos que a Consellería de Sanidade recupere os recortes de orzamentos, dos últimos anos, poña en pleno funcionamento aos hospitais e acaben coa dedicación publica e privada dunha parte do persoal facultativo (que se beneficia na privada dos atrasos nos centros públicos).

4º) Os traballadores e traballadoras do Sistema Sanitario Público Galego, soportaron e soportan, serios recortes nos últimos anos, e viron como as súas condicións laborais foron deteriorándose ata acabar nunha contratación que se pode catalogar como lixo. A precariedade laboral, evidénciase na inestabilidade e na ausencia dunha política de persoal incentivadora. O persoal sofre os malos tratos dunhas xerencias politizadas e irracionais, que xunto á ausencia de perspectivas laborais dignas, obrigaron a miles de traballadores sanitarios a emigrar fora de Galicia. A falta de pediatras, enfermeiras, médicos e outras categorías profesionais, explícase pola ausencia de planificación deste goberno, que impón ao persoal sanitario unhas condicións indignas.

Tamén denunciamos a manipulación da CRTVG no tema sanitario, e saudamos a xente de Defende A Galega, que están connosco aquí hoxe.

Un persoal maltratado, descontento e frustrado ten serios problemas para ofertar unha atención de calidade en todolos eidos do sistema. A pesar disto, a entrega e a profesionalidade do mesmo, están a suplir os problemas asistenciais xerados polos recortes, mala xestión e privatización desta administración do PP. Galicia necesita dunhas autoridades sanitarias capaces de poñer en práctica unha política de persoal incentivadora, baseada na racionalidade e nunhas condicións laborais xustas. Que sepa o PP que o Consello Técnico de AP de Galicia, seguirá operativo…e que seguiremos nel; seremos vixiantes e seguiremos negociando, pero tamén cas mobilizacións. Xa sabemos a resposta que podemos esperar de Feijoo e o seu Goberno, pero esta gran manifestación debe ser o comezo dunha mobilización continuada que conduza a un cambio de goberno, sen o cal a Sanidade Pública Galega, está condeada á deteriorazón e posterior desaparición.

Ánimo, sempre adiante, todos xuntos, contra a privatización que promove o Partido Popular.

Compostela, 9 de febreiro do 2020.

Captura de pantalla 2018-02-13 a las 18.44.06

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s