O PP non vai poder vetar nin meter no cárcere Á VERDADE sobre a sanidade pública galega.
Os grupos da oposición, a quen o PP vetou múltiples comparecencias, decidiu poñer en marcha unha Comisión de Investigación sobre a sanidade pública galega que realmente responda ao motivo da creación da comisión de investigación parlamentaria, esta na que actualmente o PP se investiga a si mesmo.
A Comisión da Verdade sobre a Sanidade Pública Galega vai iniciar os seus traballos.
Achegamos LIGAZÓN á nova en Praza Pública
Texto da nova en Praza Pública:
Dende hai semanas o PP é o único participante formal na comisión de investigación creada por iniciativa de En Marea, PSdeG e BNG para pescudar nos efectos dos recortes sanitarios da última década. O falecemento dun paciente no Punto de Atención Continuada da Estrada sen atención médica fora o detonante para que a oposición decidise activar o recurso parlamentario que permite crear unha destas comisións sen o apoio da maioría absoluta. Pero, á hora de decidir os nomes das persoas a comparecer, os populares fixeron valer a súa primacía, dando en escoller 20 nomes de todos os propostos pola oposición e despois, 13 tras a segunda lista ofrecida conxuntamente polos grupos da esquerda.
Entre as comparecencias vetadas polo PP destaca a do voceiro da familia do falecido no PAC da Estrada, que inaugurará as sesións alternativas organizadas pola oposición
Entre as comparecencias vetadas polos conservadores estaba, precisamente, a do voceiro da familia de José Manuel Brey, o paciente falecido na Estrada. Manuel Pereira, curmán do falecido, non ocultou a súa indignación por este veto e será precisamente el quen inaugure, o vindeiro 17 de decembro, as comparecencias alternativas que, como xa avanzaran ante o caso de non existir acordo, van ser organizadas conxuntamente por En Marea, PSdeG e BNG.
Os voceiros en materia sanitaria dos tres grupos da oposición compareceron conxuntamente ante a prensa este xoves para anunciaren a apertura deste foro alternativo e resaltar que, neste ámbito, as tres forzas seguen da man. “Decidimos dar voz a quen o PP está vetando”, resume Eva Solla no nome de En Marea. “A situación destes días”, coa dimisión de xefes de servizo de centros de saúde de Vigo, a folga das Urxencias no Clínico de Santiago ou as mobilizacións de persoal médico ante o propio parlamento “afonda na decisión lóxica” de investigar os efectos dos recortes no Servizo Galego de Saúde”, agrega o socialista Julio Torrado, quen subliña a “xenerosidade” dos tres grupos á hora de tecer o acordo.
Un médico e unha enfermeira da plataforma ‘PACS en Pé de Guerra’ acudirán tamén á primeira sesión organizada pola oposición
“Cada día aumenta a alarma e o PP segue a facer ouvidos xordos” pero a “magnitude” das dificultades na sanidade pública “foi o que nos levou a impulsar esta comisión” e agora, tamén “o foro para que veñan as voces que o PP negou que viñesen”, explica Montse Prado no nome do BNG. Nestas sesións comparecerán “os protagonistas reais da situación”, profesionais do Sergas, e tamén “os que a sofren”, representantes dos pacientes. Por iso os primeiros en acudir serán Manuel Pereira e mais dous representantes da plataforma PACS en Pé de Guerra, o médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar Rodríguez.