LIGAZÓN ao artigo na VOZ DE GALICIA
Os médicos e médicas da área de Vigo rebélanse. Vaia o meu recoñecemento, apoio e consideración. Agardo que calle o exemplo. Vimbios hai. Despois de anos de sobrecarga crónica de axendas, de políticas de precariedade laboral, de forzar a máquina nas consultas, de ausencias sen substituír, de acumulación de cotas, de «intersubstitucións», de prolongar xornadas, de dificultades para o goce dos permisos, de sobrecarga laboral insostible, de falta de investimento en atención primaria, de contratos puntuais para as médicas e médicos substitutos, de altas os luns e ceses os venres, de dispoñibilidade non retribuída, de saír da consulta tarde e con estrés, de soster o sistema á custa do seu lombo, de afrontar recortes, das dificultades de acceso a probas e derivacións hospitalarias, de asumir un asistencialismo desmedido sen programación a curto prazo, de non poder exercer a prevención e a promoción da saúde, de consultas exprés, da insatisfacción de non facer ben o traballo… En definitiva, de non dispoñer dunhas condicións mínimas para poder prestar unha atención digna ás persoas.
Sei do que falo: eu mesma traballei nesas mesmas circunstancias ata hai tres meses, cando me incorporei ao Parlamento como deputada. Teño traballado cunha presión insostible e teño sido testemuña mesmo de crises hipertensivas en compañeiros mentres pasaban consulta.

A atención primaria é o elo máis resolutivo do sistema sanitario. O máis accesible, o que mellor manexa a desigualdade, o que é capaz de resolver problemas de saúde abordando o contexto das persoas, o menos intervido pola economía de mercado, o que sería quen de reequilibrar dando máis a quen máis precisa, o que detecta as consecuencias do malestar social (tamén o de xénero), o que debe exercer a centralidade da atención sanitaria con tempo de calidade por consulta, porque ese é o principal recurso diagnóstico e terapéutico.
A atención primaria é o lugar onde hai menos oportunidade para comerciar coa necesidade. Un lugar idóneo para o manexo da saúde das persoas con equidade, xustiza, perspectiva de xénero e para retomar a universalidade cuestionada polas políticas sectarias do PP.
Por iso non merece o investimento da Xunta. Por iso ten orz
amento minguante. Tamén por iso quedou sen estrutura de xestión propia. Porque na atención primaria apenas hai negocio. Ou non aínda: todo chegará. Se cadra antes do que pensamos, quen sabe se a través das plataformas tecnolóxicas de manexo de pacientes crónicos, por exemplo.
O exercicio de rebeldía e dignidade dos médicos e médicas de Vigo merece todo o apoio e reco
ñecemento. Agora cómpre que aglutine os malestares das outras áreas e dos outros colectivos irmáns que sufriron agresións na mesma liña: PAC, mir, persoal das urxencias etc.
Sen a dignidade das profesionais, que son o valor máximo nun sistema sanitario, non hai atención de calidade, sostible nin á altura das necesidades da xente. Debemos estar á altura da defensa das condicións de traballo do persoal sanitario se aspiramos a manter e mellorar as condicións de saúde das persoas enfermas.