O MGSM presenta a imaxe da ‘contención mecánica’ no Obelisco de A Coruña, esixe o peche da habitación de contención no servizo de saúde mental do CHUAC e pide a dimisión do xefe de servizo

MGSM: Movemento Galego de Saúde Mental

20181201 foto 1

EN DEFENSA DOS DEREITOS HUMANOS

A contención mecánica de persoas ingresadas en centros de carácter sanitario ou residencial é unha practica máis frecuente do que a sociedade se imaxina. Con ese termo noméase a acción mediante a cal se inmobiliza con correas a unha persoa, fixándoa xeralmente a unha cama.

Esta práctica, aplicada a persoas atendidas nas institucións psiquiátricas, é considerada unha vulneración da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.
A súa existencia é un signo de grave atraso asistencial na atención a persoas con trastornos psíquicos. Tamén é a expresión dunha concepción inaceptable do sufrimento psíquico e da práctica profesional para a súa asistencia.

A contención mecánica é daniña para quen a sofre a para quen a realiza.

España é un dos paises nos que a suxeición mecánica de persoas, na atención sanitaria en xeral e na psiquiátrica en particular, é máis frecuente. A realidade desta práctica en Galicia é descoñecida a día de hoxe, pero é percibida como moi frecuente e en aumento.
A contención mecánica é unha das compoñentes da psiquiatría violenta, caracterizada pola xustificación e frecuente utilización da coerción (física e química) como resposta á alteración e necesidades que manifestan as persoas afectadas por graves sufrimentos psíquicos.

20181201 foto 2.jpeg

A súa erradicación é un obxectivo compartido por amplos sectores profesionais, de afectados en primeira persoa e de familiares dos mesmos. Diversas iniciativas políticas téñense presentado nos últimos tempos para avanzar cara á súa abolición.
Sen embargo a situación da contención mecánica agrávase en Galicia, como consecuencia do desleixo dos xestores sanitarios e gobernantes, das carencias de medios profesionais e materiais para a atención á saúde mental (esta práctica ten relación directa con carencias de persoal, de espazos e actividades) e do poder alcanzado na dirección dos dispositivos asistenciais á saúde mental por unha psiquiatría retrógrada e ameazante para a saúde e os dereitos das persoas.

Neste contexto de graves carencias de recursos, moitos profesionais (psiquiatras,
enfermeiras/os, auxiliares,celadoras/es) vense sometidos a miúdo a dolorosas contradicións, véndose na obriga de realizar unha práctica que lles dana e lles dificulta o establecemento de relacións terapéuticas coas persoas ás que atenden, cando ao mesmo tempo saben dos perniciosos efectos da contención mecánica e dos medios que se necesitarían para evitala e así avanzar cara á súa superación. Esta situación aínda é máis intolerable cando eses medios necesarios son unha reivindicación deses profesionais hai moito tempo (dotacións suficientes,espazos adecuados, equipos multiprofesionais completos, actividades apropiadas, formación, dirección da asistencia cara ao coidado e a recuperación das persoas, participación na xestión asistencial cotiá das Unidades e Servizos).

20181201 foto 3

Quen goberna o SERGAS é como se non tivera entre as súas preocupacións nin os dereitos nin a saúde, sexa de pacientes sexa de profesionais sanitarios.

É un grave exemplo do que afirmamos o que ocorre na Unidade de Hospitalización
Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC): en febreiro de 2016, en decembro de 2017 e máis tarde en outubro de 2018, o MGSM denunciou a existencia nesa Unidade ubicada no Hospital de Oza dun cuarto con tres camas, de uso mixto e simultáneo, para a contención mecánica de persoas ingresadas na mesma, e non poucas veces realizada por períodos de tempo prolongados.

Fixemos coñecedores desta situación a xestores e mesmo ao Conselleiro de Sanidade.
Calificamos o que se estaba a facer alí como violación dos Dereitos Humanos Fundamentais, ademais de ser unha vulneración flagrante das recomendacións do Consello de Europa.

A resposta da Xefatura de Servizo, da Xerencia e do Conselleiro foi seguir co mesmo.
Nós, no que estea ao noso alcance, non toleraremos máis esta situación. Indigna e ofende a calquera persoa con sensibilidade e coñecemento dos dereitos das persoas. É por iso polo que iniciamos a acción de conter mecanicamente unha persoa no espazo público, no centro da Coruña (no Obelisco) tódolos sábados á unha da tarde dende o día 8 deste mes, para que todos saibamos o que é isto.

Así o faremos ata que os gobernantes clausuren ese cuarto do Hospital de Oza e cesen a
quen goberna ese Servizo e a quen dende a Xerencia e a Consellería están a permitir que isto ocorra.

Captura de pantalla de 2018-12-08 17-03-59.png.png

A Coruña, 7 de decembro de 2018
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

Logo movemento saúde mental

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s