Os tres grupos da oposición, En Marea, PSOE e BNG, póñense de acordo en pedir a creación da “única” comisión de investigación que o regulamento parlamentario lles permite. A única!. Suponse que o parlamento, entre as súas funcións, está a de exercer un control do goberno. Forma parte do xogo dentro desta democracia liberal.
Pero non podía ser así. O PP quere ter o poder e que ninguén lle diga nada, que ninguén se mova. Os grupos da oposición teñen a potestade de crear esa única Comisión de Investigación, pero a representación na mesma reproduce as maiorías e minorías do Parlamento, polo que o PP dicide o ritmo, quen fala e quen non e incluso as conclusións.
Os grupos da oposición queren que o Parlamento sexa un lugar vivo, onde se poidan escoitar as voces da cidadanía pero o PP non e dálle igual o desprestixio da institución con tal de que non aparezan críticas ao seu goberno. Feijoo é así. Moita bravata de bar ao principio, cando dixo “irei á comisión de investigación para defender aos traballadores do sergas”. Pero cando chega o momento escapa pola porta de atrás.
O PP quería restrinxir as comparecencias a só 5 por grupo! e non dar espazo para os pacientes da hepatite C nin para os traballadores dos Puntos de Atención Continuada, entre outras decenas de persoas a quen lle negaban a comparecencia.
En Marea, PSOE e BNG, unidos, levantáronse da Comisión. Non están dispostos a someterse á burla e desprezo do Partido Popular. Galicia merece outro goberno.