Nova estafa da Consellaría de Sanidade en saúde mental: a ausencia da tan prometida unidade de hospitalización infanto-xuvenil no sur de Galiza

Almuiña

                                                                    Almuíña: responsable da Consellaría de Sanidade

Reproducimos a denuncia do Movemento Galego de Saúde Mental sobre a falta da tan falsamente prometida unidade de hospitalización infanto-xuvenil para o sur de Galiza:

Logo movemento saúde mental

Corría o ano 2010 cando, en referencia á Estratexia SERGAS 2014, dicía a Conselleira de
Sanidade Dna. Pilar Farjas: “Esta Estrategia recoge los objetivos que nos planteamos desde que asumimos la responsabilidad de gobierno y de gestión en la sanidad gallega, y nuestro compromiso con los ciudadanos, los profesionales y demás grupos sociales de interés, de trabajar para alcanzarlos.”
E Rocío Mosquera, daquela Xerente do SERGAS e pouco máis tarde Conselleira, engadía: “En este documento se recogen los 7 objetivos estratégicos priorizados y las 40 líneas de actuación que vamos a desarrollar para alcanzarlos.”
Aquela Estratexia, xa caducada (agora a Consellería ten outra, a Estratexia 2020) definía como obxectivo na súa terceira liña de actuación (pax.29):
Atención a la salud mental: Potenciar el desarrollo de la psiquiatría infanto-juvenil, con la creación de dispositivos de hospitalización psiquiátrica y de hospitales de día infanto
juveniles.
No ano 2012 inaugurouse unha Unidade de Hospitalización en saúde mental para a infancia e adolescencia no Hospital Clínico de Santiago, coa metade das prazas previstas e co equipo asistencial incompleto. Aí sigue aínda igual de deficitaria a como se abriu.
En 2013 comprometeuse, por parte dos gobernantes, a creación da segunda Unidade de
Hospitalización para a Área Sur de Galicia (Ourense e Pontevedra). Utilizouse o proxecto
publicitariamente para a mellor rendibilidade política do Partido Popular e, despois, deixouse de lado.
En xullo de 2014 maniféstábase, polos xefes de servizo de Pediatría e Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Vigo (CHUVI), que faltaban detalles para crear esa Unidade e dicían que estaban pendentes de pechar moitos flocos (recoñecían que era unha vella aspiración do  CHUVI que se fundamentaba na Estratexia SERGAS 2014, que sería referencia para o Sur de Galicia, que disporía de seis camas, que estaría nun espazo diferenciado, que quedaban “detalles” de dotación de persoal, que estaban moi ilusionados, que melloraría moito a atención, e afirmaban dispor do visto e prace do SERGAS mostrándose dipostos a traballar “duro para que saia adiante”).
En maio de 2016 o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciaba a carencia desta Unidade no CHUVI e tamén que se estaban a vulnerar os dereitos da infancia ao ingresar menores nas Unidades de Hospitalización de Adultos, restrinxíndoselle a mobilidade ao seu cuarto, para que así non entraran en espazos de adultos e poder dese xeito o Hospital sortear a vulneración directa da lei (que ordena o ingreso dos/as menores de idade en espazos específicos).
En xullo de 2016, en información pública, os xefes de servizo de Pediatría e Psiquiatría
continuaban a reclamar unha unidade específica e sinalaban necesidades de dotación de
psicoloxía clínica e enfermería. Ao dia seguinte o actual xerente do CHUVI, recoñecía que os menores da sua área eran derivados para ingreso á Unidade de Hospitalización do Hospital Clínico de Santiago (afirmaba que a cantidade era “pequena”, en referencia a dez menores), que nas Unidades de Adultos ingresaran quince adolescentes e que o obxectivo de crear a Unidade de Hospitalización non era prioritario. Pechaba así este tema e deixaba atrás as promesas das dúas Conselleiras, os obxectivos incumpridos da Estratexia SERGAS 2014 e a súa propia responsabilidade no seu incumprimento.
Entón os xefes de servizo comezaron a considerar solucións simples, que pasaban en síntese por diferenciar a hospitalización de nenos/as e de adolescentes de tal xeito que a primeira aparecería ubicada en Pediatría e a segunda nun espazo reformado no lugar de hospitalización de adultos no que, illando un corredor, habilitaríanse camas para adolescentes.
O MGSM denunciou inmediatamente o abandono do proxecto de crear a Unidade sinalando que “non é aceptable ningunha solución que non sexa a de creación dunha Unidade de Hospitalización de Saúde Mental para a Infancia e Adolescencia da zona Sur de Galicia con recursos específicos de nova creación (proxecto e programas terapéuticos definidos, espazos, materiais e dotacións profesionais).”
Dende entón todo seguiu igual ata que, hai uns días, o Conselleiro de Sanidade e o xefe de servizo de psiquiatría confirmaban o que se estaba a anunciar en xullo de hai dous anos: non se creará unha unidade específica, non se dotará con novos recursos, e reordenaranse espazos habilitando un corredor.
Desprézanse así tódalas recomendacións neste eido da atención sanitaria, incluídos os
propios plans da Consellería de Sanidade.
Pero, por se fora pouca a estafa que se lle vai facer á poboación das provincias de Pontevedra e Ourense, aos profesionais e á poboación infantil e xuvenil necesitada de atención hospitalaria co abandono do proxecto de creación da unidade de Hospitalización, o Conselleiro despáchase afirmando que “con la unidad de Vigo tendremos ya ordenada la psiquiatría en este ámbito”.
Di iso cando en Galicia,e sirvan só como algúns exemplos da nosa situación, non existe un só hospital de Día en Saúde Mental Infantil e da Adolescencia (recoñecida a súa necesidade na Estratexia SERGAS 2014) mentres en Cataluña teñen 31 prazas por cada 100.000 habitantes; ou cando estamos nun 40% por debaixo da media de dotación do Estado Español en psiquiatras e psicólogas/os clínicas/os para a atención a esta poboación; ou cando en prazas de hospitalización temos menos da metade das que ten Euskadi, Cataluña ou Castela-A Mancha.
Non se debe ignorar que a información feita pública sobre este tema, noutro mes de xullo máis, é unha manipulación propagandística da Consellería de Sanidade para intentar aparentar realizacións pola Xunta cando en realidade nisto non se fixo nada bo en anos, e xusto despois de que se veña de coñecer o informe do Mecanismo de Prevención da Tortura-Defensor del Pueblo sobre a gravidade do que ocorre no Hospital Psiquiátrico de Conxo, e tamén a realidade dos ingresos de pacientes con procesos agudos en unidades psiquiátricas situadas fóra dos Hospitais Xerais (caso do Hospital de Calde en Lugo) contravindo a Lei Xeral de Sanidade.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s