SOS Sanidade Pública convoca concentracións o 13 de xuño nas áreas sanitarias. Fai un chamamento á mobilización contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública

WhatsApp Image 2018-06-11 at 21.00.53.jpeg

Resumo da Rolda de Prensa da Plataforma Sos Sanidade Pública de Galicia do 11 de xuño do 2018.

Convoca concentracións en distintas áreas sanitarias para este mércores día 13 de xuño ás 20:00 horas.

SOS Sanidade Pública fai un chamamento á mobilización contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública

A Plataforma SOS Sanidade Pública denunciou esta tarde, en rolda de prensa, a estratexia global para desmantelar e privatizar a sanidade pública de Núñez Feijóo e o seu goberno. Unha estratexia que pasa por poñer a sanidade pública galega en mans de empresas privadas multinacionais e para a que a consellaría de Sanidade pretende agora cambiar o modelo de concertación ampliando e consolidando a concertación de servizos asistenciais por un período de catro anos con empresas multinacionais que están desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario.

Por iso a plataforma chama a mobilizarse este mércores, día 13 de xuño, ás 20:00 horas, baixo o lema “Acabemos coa corrupción sanitaria do PP” en:

– A Mariña: diante do Hospital da Costa

– A Coruña: no Obelisco ás 8 da tarde

– Santiago: Praza do Toural: 20:30 h.

– Barbanza: Praza do concello de Ribeira

– Pontevedra: na Peregrina

– Vigo: Fronte o Marco (Rúa Príncipe)

O portavoz da plataforma, Manuel Martín, explicou que xunto cos recortes emprendidos polo goberno de Feijóo á fronte da Xunta de Galiza puxéronse en marcha un conxunto de medidas destinadas a “favorecer a multinacionais e persoas afíns”. Medidas que supuxeron a desviación de cartos públicos que debían ter sido destinados a financiar a sanidade pública e que provocaron “un incremento da corrupción”.

Martín sinalou, a modo de exemplo, a privatización de recursos fundamentais para a xestión como a información, a historia clínica electrónica ou a cita previa, que se concesionou a Indra; a privatización do Laboratorio central de Galiza; a creación da área de corazón, que se adxudicou a MEDTRONIC ou a asignación do Centro Oncolóxico a Asociación española contra o Cancro, na que están Caixa Bank e Acciona, entre outras.

Isto supuxo, segundo o portavoz de SOS, que se trasladaran inxentes cantidades de cartos públicos a estas empresas que, subliñou, manexan datos sensíbeis de doentes que deberan ser confidenciais.

Privatización da investigación

Xunto a isto denunciou a posta en marcha de medidas de apoio a fundacións como a Ramón Domínguez, para xestionar a investigación biomédica, na que están multinacionais farmacéuticas ou do Clúster de Galiza, onde participa a industria alimentaria e empresas como Pescanova.

Sinalou tamén a participación de multinacionais farmacéuticas na Fundación Xenómica ou a xestión de recursos de alta tecnoloxía do novo hospital de Vigo por parte de Galaria (a antiga MEDTEC).

Ademais denunciou que “houbo unha serie de decisións dirixidas a trasladar ao sistema privado, sobre todo, a Investigación, o desenvolvemento e a formación do persoal” e chamou especialmente a atención sobre a derivación de cartos públicos a esas multinacionais farmacéuticas que “fan investigación que se proba no sistema público e que se sae ben logo patentan e venden esas empresas privadas”.

Toda unha serie de cuestións que supoñen para SOS Sanidade Pública “unha penetración do sistema privado impresionante” que vén agravarse coas últimas medidas postas en marcha: a Reforma da Lei Galega de Saúde, que consolida un modelo que ningunea a Primaria, suprime áreas sanitarias e centraliza a planificación e xestión nos hospitais de referencia e o acordo marco polo que se reforzan os concertos sanitarios coa sanidade privada.

A este respecto Martín lembrou que até o de agora o papel dos centros privados tiña un carácter complementario e subsidiario e que con eles se concertaban patoloxías menores como cataratas ou varices co obxectivo de alixeirar as listas de espera.

Porén, denunciou que co novo modelo pásase a concertar con empresas privadas, por un período de catro anos actividades de consulta, cirurxía, probas diagnósticas e terapéuticas  e mesmo hemodiálise. Un transvase de actividade asistencia que ascende, no caso da Coruña, a un total de 97,5 millóns de euros co agravante de que o persoal facultativo público dberá ir a estes centros privados.

Isto supón “a privatización da bata branca, que Feijóo dixo que nunca faría”  e enormes beneficios para o negocio de empresas sanitarias privadas como Quirón, HM Hospitais ou, no caso da Coruña, o Hospital San Rafael.

Unha situación que para SOS Sanidade Pública é inadmisíbel e pola que chamaron á poboación a mobilizarse contra o desmantelamento e privatización, a pasos axigantados do sistema sanitario público, mais tamén contra a corrupción sanitaria do PP pagada co diñeiro de toda a cidadanía galega.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s