Segundo nos comunicou a Plataforma para a Defensa da Sanidade de Monforte a Xunta de Persoal do Hospital Comarcal de Monforte desconvocou a folga ao conseguir que a administración acepte unha gran parte das reivindicacións do persoal do Centro.
A Plataforma SOS Sanidade Pública considera un gran éxito a marcha atrás nos recortes de persoal e recursos que afectaban á atención sanitaria da poboación e ao funcionamento do Hospital.
O éxito da folga vén a demostrar que as mobilizacións do persoal sanitario, co apoio da poboación, son o principal instrumento para frear o desmantelamento do sistema sanitario público; consecuencia da política dunha Xunta neoliberal que pretende trasladar ao sector privado os servizos asistenciais, pagados con cargo ao orzamento público.
Para reverter a Reforma da Lei Galega de Saúde destinada a transformar as áreas sanitarias en distritos sen capacidade para planificar e xestionar os seus recursos e a desmantelar os hospitais comarcais, só cabe a mobilización social e profesional, nunha alianza que inclúa ás Xuntas de Persoal e ás Plataformas cidadás en defensa do sistema público.
A Xunta de Persoal e a Plataforma de Monforte advirten á Conselleria e á Xunta de Galicia que vixiarán o cumprimento do acordo e que seguirán mobilizadas para recuperar a área Sanitaria, para o que terán o apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública de toda Galicia.
Manuel Martin
Voceiro