Como é coñecido o RDL 16/2012, entre outras moitas medidas lesivas para a Sanidade Pública, exclúe á poboación non regularizada no noso país (os inmigrantes irregulares) da asistencia sanitaria pública. Esta situación provocou non só un amplo rexeitamento social e profesional, senón graves problemas de saúde (existen varias mortes documentadas) para unha poboación xa de por si especialmente vulnerable.
A maioría das CCAA responderon coa posta marcha de normativas de diverso rango para garantir e/ou favorecer esta asistencia sanitaria, de maneira que a mediados de 2017 só unha comunidade autónoma (Castilla e León) non establecera ningún mecanismo de asistencia aos inmigrantes sen regularizar e outra máis (A Rioja) ofrecera un convenio coas ONG.
Estas normativas das CCAA para garantir esta asistencia sanitaria foron recorridas ante o Tribunal Constitucional (TC) polo Goberno central e recentemente (desde novembro de 2017, ultima sentenza o 28 de febreiro de 2018) anulou as lexislacións de 4 destas CCAA (Comunidade Valenciana, País Vasco, Extremadura e Navarra).
Nesta situación desde a FADSP queremos sinalar o seguinte:
1.- Aínda que as anulacións producíronse por problemas competenciais, entendemos que o dereito á saúde das persoas é un dereito básico recollido polos tratados internacionais que debe de prevalecer sobre outros de carácter técnico-organizativo.
2.- Desta decisión do TC derívase unha situación de desprotección dun grupo de persoas que teñen con frecuencia serios problemas de saúde e que poden provocar serios problemas de saúde pública.
3.- Pensamos que é urxente a derrogación do RDL 16/2012 por inhumano, lesivo para a saúde e ineficaz desde o punto de vista sanitario.
Por sorte as CCAA afectadas parece que están poñendo en marcha sistemas alternativos que garantan a asistencia sanitaria deste colectivo, pero non é bo que haxa que recorrer a recunchos legais para garantir a atención sanitaria a todas as persoas que están no territorio deste país.
Ponse en evidencia, máis unha vez, que temos un goberno desapiadado cos débiles e comprensivo e colaborador cos corruptos e poderosos.
Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública