Iberman faise de novo con outro contrato de mantemento de electromedicina, esta vez no Salnés

Captura de pantalla de 2018-01-29 23-14-44.png.png

A pesar dos incumprimentos sistemáticos do anterior contrato, tal como certifica o Consello de Contas no seu informe, a empresa Iberaman volve ser a receptora doutro contrato de mantemento, esta vez no Salnés.

Ver ligazón a Praza Pública

No ano 2013 o Servizo Galego de Saúde aplicou un importante cambio no seu modelo de xestión da electromedicina, isto é, do mantemento dos equipamentos tecnolóxicos da sanidade pública -incubadoras, mesas cirúrxicas, electrocardiógrafos, dializadores, equipos de radiografías…- que non entran na área de alta tecnoloxía e que ata ese momento realizaba parcialmente persoal público e o resto, empresas privadas contratadas por cada centro ou área sanitaria e por períodos diversos. Sanidade decidira daquela privatizar de maneira centralizada este servizo, dotando con 28 millóns de euros un contrato que conseguiu a empresa Ibérica de Mantenimiento (Iberman) por uns 3 millóns menos.

Poucos meses despois persoal do Sergas comezou a denunciar deficiencias no servizo, como maquinaria non reparada ou con arranxos incorrectos, equipamentos fóra de servizo ou outros que, finalmente, tiñan que ser amañados directamente polo Sergas. O Consello de Contas constatou estas deficiencias o pasado 2017, cando nun duro informe certificou os “incumprimentos sistemáticos” da compañía, que a propia Xunta se viu obrigada a admitir. No entanto, Iberman vai seguir realizando este labor en varios centros sanitarios galegos grazas a novas adxudicacións.

Como informou Praza.gal, o informe de Contas deixaba claro que as “deficiencias e incumprimentos na execución contractual” por parte de Iberman foran “motivo suficiente” para que a Xunta rescindise o contrato “en todos os seus lotes” antes de que transcorresen os seus catro anos de duración. No entanto, Sanidade alegou “dificultades” para a “resolución anticipada” do contrato porque non sería “nin doado nin rápido” atopar outra empresa que prestase o servizo. Non obstante, especificou ante o propio Consello de Contas que, dado que o servizo de Iberman non chegara a ser “óptimo”, decidira non facer uso da posibilidade de prórroga do contrato e regresar, pola vía dos feitos, ao modelo de contratos descentralizados e de menor importe. Non se contemplaba prestar o servizo con persoal propio porque, segundo resaltou a Consellería nunha resposta parlamentaria o pasado outubro, “actualmente non existe no cado de persoal do Sergas unha categoría específica que teña atribuída estas funcións”.

Os dous últimos contratos obtidos por Iberman en Vigo e Pontevedra-O Salnés suman algo máis de 300.000 euros

Foi así como as diferentes Xerencias de Xestión Integrada do Sergas comezaron a sacar a concurso cadanseus servizos de mantemento e como algúns deles volven recaer en Iberman. Unha das últimas adxudicacións, para a área de Pontevedra e O Salnés, publicada no Diario Oficial de Galicia este 29 de xaneiro, foi formalizada por case 80.000 euros -78.650, IVE incluído- para esta compañía por un período dun ano. Iberman competiu con outras tres empresas, aínda que dúas delas foron excluídas por incumpriren o prego de condicións, e finalmente logrou o contrato por ser a súa oferta a “economicamente máis bantaxosa”, segundo consta no expediente.

O Consello de Contas certificou que a privatización centralizada do mantemento dos equipos electromédicos empeorou o servizo e apenas logrou o aforro que invocaba a Xunta

Esta adxudicación chega poucos meses despois de que a Xerencia de Xestión Integrada de Vigo tamén adxudicase a Iberman, neste caso por dous anos, o mantemento dos equipamentos electromédicos da área -coa excepción dos do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que o mantemento se inclúe no seu paquete de servizos público-privados-. No caso vigués Iberman tivo só un competidor e tamén gañou o concurso por formular a “oferta economicamente máis vantaxosa”, cifrada en algo menos de 229.800 euros -o máximo que a Xerencia tiña previsto gastar eran uns 255.000 euros, ambos prezos con IVE-.

Esta empresa continuará así, daquela, a ser a responsable duns traballos de mantemento que, segundo o Consello de Contas, o Sergas encomendou a mans privadas sen realizar antes “unha análise fundamentada” sobre a “conveniencia de unificar” os traballos xa externalizados nun único contrato nin sobre os motivos que facían recomendable ou non “prescindir de recursos propios adecuados para xestionar de forma directa o servizo”. O ente fiscalizador tamén deixou claro que, aínda que a Xunta puxera en marcha aquel contrato único alegando motivos de aforro -duns 3 millóns de euros-, o certo é que “non se obtivo evidencia de que se alcanzasen aforros significativos“.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s