Presenta o acto Xosé María Dios, portavoz da Plataforma de defensa da sanidade pública de Santiago
Leu o manifesto Suso de Toro
MANIFESTO SOS COMPOSTELA 24 DE FEBREIRO DE 2018.
A igualdade social é unha situación na que as persoas teñen as mesmas oportunidades e dereitos para vivir equitativamente en paz.
Esta igualdade social é a que pretende roubarnos o Partido Popular e o Sr Feijoo coa privatización da sanidade pública, convertendo o noso dereito nun negocio.
Levan anos recortando a igualdade no acceso aos servizos sanitarios e incrementando o sufrimento das persoas. Agora o PP con esa arrogancia que lle da a maioría no Parlamento, e sen escoitar ás persoas, pretende modificar a actual Lei de Saúde para consolidar a privatización da sanidade pública e incrementar o negocio das empresas privadas.
A súa política sanitaria de recortes oculta e impide o debate sobre a necesidade de cobertura de profesionais no sistema sanitario público. Desde o ano 2009 lévanse amortizados mais de 2.000 postos de traballo estruturais na sanidade pública. Incrementando a precariedade laboral, cubríndose estas prazas con contratos de días e horas. Impedindo a continuidade dos equipos asistenciais e fomentando a emigración das/os profesionais.
Neste período de goberno Feijoo pecháronse mais de 700 camas hospitalarias, o que provoca que as/os doentes, pendentes de ingreso, estean máis de 48 hs nos servizos de urxencias, e un incremento das listas de espera cirúrxicas.
Para consolidar o seu modelo sanitario, agora queren modificar a Lei de Saúde de Galiza, Lei 8/2008, co único obxectivo igualar a sanidade pública e privada.
Unha Lei que vai a afastar a sanidade do lugar de residencia das persoas, obrigándoas a ser atendidas na sanidade privada. Nunha privada que non terá delimitación xeográfica.
Unha lei que fomenta o enriquecemento duns poucos a costa do diñeiro público. As empresas privadas poderán seleccionar as patoloxías a tratar. A lóxica empresarial permitiralles seleccionar as patoloxías máis rendibles e con maior beneficio.
Unha Lei que afonda no desmantelamento da atención primaria, deixándoa sen recursos humanos e técnicos, sen capacidade de resolución e sometida aos intereses dos grandes centros hospitalarios. Creando listas de espera na atención primaria.
Unha Lei que pon a investigación pública ao servizo da industria farmacéutica, sen que haxa un retorno deste beneficio á sanidade pública.
Unha Lei que impide a participación social. Sen transparencia a participación queda valeira de contido.
Unha Lei que de futuro nos dará grandes sorpresas, pois temas moi relevantes para a funcionamento da sanidade pública, agora se ocultan, e quedarán para un posterior desenvolvemento que fará por decreto o consello da Xunta.
Unha Lei que o único que garante é o cumprimento da Lei de Garantías. Unha lei que recolle tempo máximos de espera para ser atendidos, 60 días para intervención cirúrxica e 45 días para exploracións complementarias e consulta.
Unha Lei de garantías que saben que é imposible de cumprir no sistema sanitario público, a redución de profesionais, as mais de 700 camas pechadas definitivamente, o peche de camas, a maiores destas, nos meses de xuño a outubro, impiden un funcionamento normalizado da sanidade pública.
Isto só vai permitir un aumento da derivación á sanidade privada. Non é casualidade que as empresas Madrileñas do sector sanitario, hoxe sexan as donas da maioría dos centros sanitarios privados de Galiza.
Outra política sanitaria é posible, unha sanidade pensada nas persoas, que alivie o seu sufrimento. Parar a política sanitaria do Partido Popular é posible, en parte depende de nós sexamos conscientes de que o sistema sanitario público é noso.
Non podemos deixar que sigan a facer negocio coa nosa saúde é co futuro do noso pais.
Hoxe concentrámonos nesta praza do Toural de Compostela para iniciar o camiño desa grande manifestación que faremos todas e todos o día 4 de febreiro en Compostela, con unha só voz dirémoslle a Feijoo que retire o seu proxecto de modificación da Lei de Saúde.
Animo e adiante.
Compostela, 24 de xaneiro de 2018.